ESTEIRANA E MUGARDOS GAÑAN O PLAY OFF 2021

ESTEIRANA E MUGARDOS GAÑAN O PLAY OFF 2021

29/08/2021

Nas finais do Teresa Herrera, Cabo feminino e Samertolameu Oversea álzanse coas vitorias do prestixioso torneo.

A Liga Galega de Traiñeiras - Trofeo Xunta de Galicia pechou definitivamente esta temporada en augas da cidade da Coruña. En disputa a segunda xornada do play off que enfrontou a Cedeira, Muros, Mugardos e Esteirana. Por este orde saíron a competir as embarcacións, ao contrario da clasificación do día de onte. A primeira referencia deixaba unha gran igualdade entre Muros, Esteirana e Mugardos con Cedeira máis lonxe. Este resultado beneficiaba aos dous últimos, de aí que a Muradana loitase ata o final por intentar superar aos seus rivais, un premio que non foi capaz de acadar.

Os de Muros chegaron terceiros con tempos similiares aos da Esteirana, segundos, e aos de Mugardos, primeiros. Con estes resultados, Esteirana e Mugardos empataban con 7 puntos, Muros terceiro con 4 e Cedeira cuarta con 2. A diferencia dos dous primeiros desempatouse coa suma de tempos, sendo Esteriana o que gaña o play off por apenas 3 segundos de diferenza. Tanto Esteirana como Mugardos conseguen praza na Liga Galega de Traiñeiras A 2022, a expensas dos resultados dos equipos galegos da ACT e do play off.

Teresa Herrera

Tras o play off, as traiñeiras clasificadas pecharon a temporada coa disputa das finais do Teresa Herrera. Na categoría feminina, as campioas da Liga demostran o seu poderío liderando a quenda dende principio ata o final. Salgado-Perillo loitou sen éxito pola vitoria rematando a uns segundos de Cabo. En terceira posición chegou Chapela, a embarcación que gañou a xornada de clasificación non puido repetir na final. Preto destas embarcación chegou Tirán-Pereira e máis lonxe, pechou a final Náutico de Riveira.

No caso da categoría masculina a final foi a dobre quenda. Na primeira partiron Rianxo, Cesantes-Rodavigo, Vilaxoán, Puebla e Narón. A vitoria foi para un Rianxo que remata a temporada en gran nivel. Seu máximo perseguidor foi Cesantes-Rodavigo, o terceiro posto foi para Vilaxoán que superou a Puebla no seu duelo particular. A quenda a pechou o campión da Liga B, Narón.

Na quenda final partiron Bueu Teccarsa, Cabo, Samertolameu Oversea, Mera e Mecos. Na primeira referencia os dous primeiros clasificados da Liga A chegaron á par, por detrás Mera superaba por pouco a Cabo e Mecos aguantaba o gran ritmo das súas rivais. Na segunda referencia Samertolameu Oversea fíxose coa cabeza por diante dos de Bueu, mentres que Mera e Cabo viraban á par por diante de Mecos. Meira continuou aumentando a súa vantaxe e superando con claridade o tempo de Rianxo na quenda anterior, alzándose co Teresa Herrera con moita autoridade. Bueu Teccarsa pechou en segunda posición loitando ata o final. A terceira praza foi para Cabo, gañando nun gran final a Mera. Pechou a competición Mecos, cun tempo peor co de Rianxo.

Trala disputa destas competicións, a Liga Galega de Traiñeiras puxo o punto final á súa temporada. Unha campaña con complicacións por toda a situación epidemiolóxica, pero histórica polo número de participantes e regatas disputadas. Unha vez rematada, tanto o presidente da Liga, Javier Rodríguez, como o xefe do servicio provincial de deportes na Coruña, Roberto García, e a concelleira de deportes da Coruña, Mónica Martínez, cualificaron de “exitoso” o balance desta temporada por poder realizar de forma segura as 36 xornadas da Liga.