GOLPE DE AUTORIDADE DE SAMERTOLAMEU OVERSEA EN MER...

GOLPE DE AUTORIDADE DE SAMERTOLAMEU OVERSEA EN MERA Salgado Perillo venceu na Liga Feminina en Chapela, onde Mugardos consolidou o seu liderado na Liga B masculina

17/07/2021

A fermosa praia de Mera acolleu a quinta xornada da Liga A-Trofeo Xunta de Galicia para desputar a VIII bandeira concello de mera. Unha xornada que veu marcada pola ausencia de Cesantes Rodavigo ao ter a remeiros en corentena debido á situación epidemiolóxica actual.

Partiron dende a primeira quenda Rianxo, Salgado Perillo, Muros e Esteirana. A manga partiuse en dúas loitas dende a primeira referencia. Rianxo e Esteirana chegaban á par e Muros e Perillo facían o mesmo tres segundos por detrás. Pero a igualdade durou pouco. Na segunda referencia Rianxo lideraba por diante de Esteira e con Perillo na terceira posición superando a Muros. Unhas posicións que non variaron ata o final da quenda.

Na segunda partían os anfitrións de Mera xunto con Puebla e Vilaxoán. Un carreiro foi baleiro pola ausencia destacada de Cesantes Rodavigo. A manga comezou con Puebla liderando por tan só dous segundos con respecto a Mera. Vilaxoán era terceira cun tempo inferior ao de Rianxo e Esteirana. A diferencia entre Puebla e Mera mantívose ata o último longo. Momento no que os do Barbanza racharon coa igualdade e conseguiron gañar a quenda. Mera era segunda por diante dos rivais da manga anterior e Vilaxoán terceira, cun tempo inferior ao de Rianxo.

Na última partida saían as catro primeiras clasificadas da xeral. Á primeira referencia Bueu Teccarssa e Samertolameu Oversea chegaban á par, con Mecos terceira e Cabo da Cruz cuarta. Pero a igualdade inicial foi esporádica, porque a partir do segundo longo Meira liderou con moita claridade con respecto aos seus rivais. Unha vitoria sen contemplacións deixando aos de Bueu 16 segundos por detrás. Terceira foi Mecos e cuarta Cabo, cuns tempos superiores aos de Puebla, a revelación da xornada co seu terceiro posto.

Liga Feminina

O Club de Remo Chapela exerceu de anfitrión na dobre cita que se celebrou nas augas da Ría de Vigo. A primeira competición que se puxo en marcha foi a cuarta xornada da Liga Feminina, con Salgado Perillo estreando o seu marcador de vitorias e co equipo local aproveitando un erro da líder Cabo da Cruz para provocar un empate no máis alto da clasificación xeral.

A quenda de honra da VI Bandeira Concello de Redondela Feminina estivo marcada polos erros nas viradas. Na primeira ceaboga, Tirán Pereira viraba por estribor e quedaba descartada da loita polo triunfo. Cabo situouse primeira no segundo longo, pero ao remate do terceiro cometeu o mesmo erro que o conxunto de Moaña. A batalla pola vitoria reduciuse a un man a man entre Chapela e Salgado Perillo. As dúas embarcacións comezaron igualadas o último parcial e a tripulación de Oleiros bateu por tres segundos ás remeiras locais. O segundo posto de Chapela permítelle empatar no liderado con Cabo, que conserva o maillot.

Tirán finalizou cuarta, recuperándose do seu erro para mellorar os tempos das catro traiñeiras da primeira quenda. Esa serie dominouna de principio a fin Rianxo, sempre por diante de Riveira. As posicións non variaron dende o primeiro longo, con Mugardos non dando opcións a Puebla para evitar a derradeira posición.

Liga B

O vento baixou a súa intensidade durante a XXXV Bandeira Concello de Redondela, cuarta proba da Liga B masculina. Por mor da baixa de última hora da Cabana-Ferrol, que non puido reunir o número mínimo de remeiros para desprazarse a Chapela (por problemas alleos á COVID), deuse a saída lanzada ás dúas primeiras quendas.

Virxe da Guía foi a máis rápida en todas as referencias entre as seis traiñeiras que compartiron o campo de regatas. Os vigueses, que arrancaron xunto a Puebla ‘B’ e Castropol, lograron no primeiro longo unha vantaxe de 1 segundo respecto a Samertolameu Oversea B, que encabezaba ao trío da segunda saída.

Esa diferencia case non variou no resto da regata, con Virxe da Guía sendo 2” máis rápida que a filial de Meira, que entrou por diante de Chapela. Vila de Cangas non puido coas súas dúas compañeiras de serie, pero rebaixou os tempos de Puebla B e da pechacancelas nesta xornada Castropol.

As catro primeiras na clasificación desta xornada remaron na quenda de honra. A líder Mugardos tivo unha contundente posta en escena, distanciándose no longo inicial en 4” de Amegrove, en 6” de Narón e en 7” de Cedeira. Os remeiros da Bestarruza semellaba que ían ter unha regata cómoda, pero Narón foi a máis e na liña de chegada só cedeu 2”. Outro destacado último parcial asinouno Cedeira, que remontou os 3” de desvantaxe que tiña con Amegrove na terceira virada.

O triunfo de Mugardos, o terceiro da temporada, amplía o seu colchón como líder. Agora ten unha marxe de dous puntos con Narón. Chapela aproveitou a súa regata para empatar na xeral con Vila de Cangas e situarse quinta.