
A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia completou o seu calendario da temporada 2025 este domingo en Moaña coa undécima e última xornada tanto da Liga A como da Liga Feminina. Ao día seguinte de que Chapela-Wofco festexara o título masculino en Castropol, as mulleres da Arealonga selaron o ‘dobrete’. Este fito, só acadado por Samertolameu de Meira no ano 2014, as tripulacións beretes rubricárono con dúas vitorias na cita organizada pola S.D. Tirán.
A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia completou o seu calendario da temporada 2025 este domingo en Moaña coa undécima e última xornada tanto da Liga A como da Liga Feminina. Ao día seguinte de que Chapela-Wofco festexara o título masculino en Castropol, as mulleres da Arealonga selaron un ‘dobrete’ histórico posto que ningún club o conseguira ata o momento. Un fito que as tripulacións beretes rubricaron con dúas vitorias na cita organizada pola S.D. Tirán.
As remeiras de Chapela-Wofco chegaban á 5ª Bandeira Feminina Concello de Moaña con 7 puntos de vantaxe no máis alto da clasificación xeral respecto a Tirán-Pereira e non deron ningún tipo de opción ás locais para que saltara a sorpresa. Ademais, o conxunto anfitrión cometeu unha saída nula na quenda de honra. As líderes, e campioas da Liga Feminina os dous anos anteriores, xa dominaban cunha diferenza de 10 segundos sobre a tripulación moañesa ao remate do primeiro longo. A súa novena vitoria da temporada obtivérona por unha marxe de 32 segundos .Tirán-Pereira ocupou en todo momento a segunda posición, Amegrove a terceira e Cabo da Cruz a cuarta, pero nin A Pabliño nin a traiñeira de Boiro puideron mellorar o tempo da gañadora das dúas primeiras series.
A clausura da Liga Feminina comezara con dúas quendas lanzadas nas que se impuxo Mecos. A embarcación do Grove, igualada con Salgado-Perillo no primeiro parcial, abriu un oco de 6” en relación ás de Oleiros no segundo longo. O tempo da Mequiña nas boias de chegada resultaría despois inalcanzable para Amegrove e para Cabo da Cruz, que sufriu para manter a cuarta praza na xeral porque só puido ser oitava en Moaña. A traiñeira do Barbanza tiña 5 puntos de vantaxe na xeral sobre Mecos, un colchón que desapareceu na última xornada. Os dous equipos remataron igualados na xeral, un empate que lle serviu a Cabo para salvar o posto.
A Cabana Ferrol, terceira na segunda serie, fixo sétima na Bandeira por detrás da vencedora na primeira quenda: Cesantes-Bueu. As remeiras da Rita Regojo non tardaron en despegarse de Castropol e Rianxo. No duelo entre a Ría del Eo e a Virxe da Guadalupe, as dúas viraron igualadas na segunda ceaboga e foi no terceiro longo cando as asturianas decantaron a balanza ao seu favor.
Deste xeito, a clasificación xeral da Liga Feminina 2025 finalizou encabezada por Chapela-Wofco, segunda posición para Tirán-Pereira, terceira Amegrove, cuarta Cabo da Cruz, quinta Mecos, sexta Salgado-Perillo, sétima A Cabana Ferrol, oitava Cesantes-Bueu, novena Rianxo e décima Castropol
Liga A
Despois de quedar sentenciado o título na véspera en Castropol, a xeral da Liga A non rexistrou ningunha variación cos puntos que se repartiron na 43ª Bandeira Concello de Moaña. A despedida do curso viuse alterada minutos antes do seu inicio. Durante a entrega dos premios da Liga Femenina, o barco da organización moveu o tren de boias. Ese contratempo obrigou a un cambio de formato na regata, disputándose unha contra o reloxo a catro longos.
As tripulacións remaron divididas en dúas quendas, a de honra contou con catro traiñeiras e a primeira con sete. O mellor tempo en todos os parciais marcouno Chapela-Wofco. Os gañadores da xeral non se relaxaron horas despois de cantar o ‘alirón’. Lograron unha renda de 5” respecto a Tirán-Pereira no primeiro longo, que se duplicou no segundo para á conclusión da ‘crono’ vencer por 25”. Así, a Arealonga asinou o seu décimo triunfo nesta campaña.
Tirán-Pereira apuntouse unha xornada máis o segundo posto, mentres que o terceiro foi para Bueu-Simei, a máis rápida na primeira serie. Os tempos da Maruxía non os conseguiron rebaixar dende o primeiro parcial na quenda de honra nin Samertolameu-Oversea nin Castropol. Meira despediuse no terceiro longo de calquera opción de mellorar a Bueu-Simei porque na última virada a diferenza pasou de 4 a 9”. Peor aínda lle foi a Castropol, que comezou o terceiro longo a 1” de Samertolameu-Oversea e rematouno a 7”. Os asturianos tiveron que defender no último parcial 1” de vantaxe sobre Narón. Lograron manterse na quinta praza da contra o reloxo por 66 centésimas.
O pulso pola sétima praza protagonizárono Mugardos e Urme. A Bestarruza, 1” máis lenta no primeiro longo, remontou no segundo a Muros Esteirana e a partir de aí ampliou a diferenza ata 11” nas boias de meta. Non houbo cambios de posicións entre Mecos -novena-, Cesantes-Rodavigo -décima- e a filial de Cabo da Cruz -úndecima-.
Polo tanto, Chapela-Wofco proclamouse por primeira vez campioa da Liga A e os outros dous postos de podio na xeral acadáronos a subcampioa Tirán-Perera e a terceira clasificada Samertolameu-Oversea. Co cuarto posto fíxose Castropol, co quinto Bueu-Simei, sexta concluíu Urme, sétima Narón, oitava Mugardos, novena Mecos, décima Cabo da Cruz B e undécima Cesantes-Rodavigo.