CHAPELA WOFCO TRIUNFA NO INICIO DA LIGA GALEGA DE ...
CHAPELA WOFCO TRIUNFA NO INICIO DA LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS COAS VITORIAS NA LIGA FEMININA E NA LIGA A
28/06/2025
A Cabana de Ferrol foi o campión na liga B
O paseo marítimo encheuse de seguidores e curiosos que non quixeron perderse o regreso da Liga Galega de Traiñeiras, acompañando co seu alento ás embarcacións nun día no que a paixón por este deporte volveu sentirse con forza na ría de Vigo.
A xornada comezou coa competición da Liga B, que se disputou en formato de dúas quendas lanzadas. Na primeira quenda, A Cabana de Ferrol deixou claras as súas intencións dende o primeiro longo, dominando con solvencia todas as viradas e marcando o mellor tempo global da categoría: 21:45,61. Moi por detrás, Bueu Simei B quedou segunda na quenda, aínda que sen opcións reais de inquietar aos ferroláns.
A segunda quenda ofreceu unha regata moito máis igualada, cun pulso constante entre Puebla e Chapela Wofco B. Na primeira virada, Puebla situábase con un segundo de vantaxe; na segunda, Chapela respondeu e tomou a dianteira por dous segundos; e na terceira, pasaron empatadas. Finalmente, Puebla impuxo a súa remada no último longo e levou a quenda con un crono de 21:58,47, apenas catro segundos por diante de Chapela, que pechou con 22:02,14. Ambas embarcacións navegaron preto dos tempos parciais de Mugardos, pero non lograron superalos no cómputo total. Salgado Perillo, cunha tripulación renovada, pechou a segunda quenda cun tempo máis discreto, por detrás incluso do marcado por Bueu Simei B.
Despois da Liga B, chegou o turno da Liga Feminina, con tres quendas, as dúas primeiras lanzadas. Na primeira virada competiron Amegrove, Cesantes-Bueu e Salgado Perillo, mentres que na segunda saíron Cabo da Cruz, A Cabana de Ferrol e Castropol.
Dende os primeiros metros, Amegrove impuxo a súa autoridade, marcando o mellor tempo parcial en cada virada e ampliando progresivamente a súa vantaxe sobre Salgado Perillo, que non lle perdeu a pista en ningún intre. Na primeira virada as do Grove lideraban por dous segundos; na segunda, a diferenza creceu a once; e na terceira mantiveron o colchón de dez segundos. Perillo, lonxe de renderse, apertou o ritmo no tramo final e recortou distancias, pero non logrou alcanzar a Amegrove, cruzando a meta con seis segundos de desvantaxe. Pola súa banda, Cesantes-Bueu non conseguiu entrar na loita e pechou a quenda cun tempo considerablemente por detrás. Na segunda quenda, Cabo da Cruz mostrou solidez na cabeza, mantendo sempre por diante da Cabana de Ferrol e moi lonxe de Castropol, que nunca puido engancharse á loita. Cabo venceu a súa serie, pero cun tempo inferior a Amegrove e Salgado Perillo. Castropol, pola súa banda, pechou a quenda co crono máis discreto do conxunto feminino, por detrás de Cesantes-Bueu.
Tras as dúas quendas lanzadas, quedaba por disputarse a terceira e definitiva quenda da Liga Feminina, con algunhas das traiñeiras máis potentes do campionato: Rianxo, Chapela Wofco, Mecos e Tirán Pereira. As anfitrioas de Chapela, vixentes campioas, non fallaron ante a súa afección. Saíron con forza dende o primeiro longo e chegaron á primeira virada en cabeza, con cinco segundos de vantaxe sobre Tirán, doce sobre Mecos, e cun colchón moito maior respecto a Rianxo, que viraba a 26 segundos. As tres primeiras melloraron os tempos marcados nas quendas anteriores, incluída a sólida referencia de Amegrove. Na segunda virada, Tirán apertou e conseguiu recortar un segundo á diferenza con Chapela, quedando só a catro. Non obstante, as da Arealonga non se deixaron sorprender: na terceira virada, Chapela abriu brecha de novo, aumentando a vantaxe a oito segundos, e xa no último longo remaron con solvencia até a meta, certificando a vitoria na quenda e na clasificación xeral, levando así a primeira bandeira da tempada. Tirán Pereira foi segunda na quenda e na clasificación global, mentres que Mecos, cunha regata moi sólida, acadou a terceira posición, superando tamén a todas as traiñeiras das quendas anteriores. Rianxo, aínda que mantivo parciais similares aos de Cabo, Perillo e A Cabana, non puido manter o ritmo final e pechou a quenda, rematando na parte baixa da táboa, só por diante de Cesantes-Bueu e Castropol.
Deste xeito, a Liga Feminina comeza coa clasificación liderada por Chapela, que demostra que segue sendo a referencia da categoría, seguida moi de cerca por Tirán e por Mecos, nunha tempada que se anuncia emocionante e moi disputada.
A xornada rematou coa disputa da Liga A, tamén en formato de dúas quendas lanzadas e unha final non lanzada, cun nivel competitivo ao máximo desde o primeiro longo.
Na primeira quenda, Tirán Pereira, Bueu Simei e Mugardos medíronse nun duelo con claro dominio dos de Moaña, que dende o inicio marcaron un ritmo superior. Bueu, sólido na segunda posición, mantivo a Mugardos a distancia, que non puido seguir o ritmo dos seus compañeiros de quenda. As referencias non mudaron ao longo da regata, e Tirán adxudicouse con autoridade a vitoria desta primeira manga, deixando a Bueu e Mugardos por detrás sen opcións de sorpresa.
A segunda tanda lanzada xuntou a Samertolameu, Cesantes Rodavigo, Cabo e Narón. Dende o inicio, Samertolameu colocou a embarcación ao fronte, aínda que os seus tempos foron lixeiramente inferiores aos de Tirán na quenda anterior. Cesantes comezou segunda, por diante de Narón e Cabo, pero no segundo tramo Narón logrou remontar e situarse como segundas, mentres Cesantes resistía o empuxe de Cabo. O final a vitoria da quenda foi para Samertolameu, pero sen superar os tempos de Tirán. Segunda foi Narón, e por detrás Cesantes e Cabo moi igualados. Agás Samertolameu, as tres traiñeiras restantes desta quenda quedaron por detrás de Bueu e Mugardos na clasificación xeral.
Na última quenda, xa non lanzada, tocoulle ao equipo anfitrión, e Chapela Wofco que non deu opcións á sorpresa. Arroupados pola súa afección e amosando un gran nivel, os de Chapela dominaron desde o primeiro momento, remando con potencia ata cruzar a meta co mellor tempo do día, avantaxando en 20 segundos a Tirán Pereira, que até ese instante lideraba a clasificación. Castropol, segunda na manga, non se achegou a ningún dos equipos de Moaña, pechando despois deles. Nun bonito duelo paralelo, Urme e Mecos loitaron á par en toda a regata, con pequenas vantaxes que ían variando, até que finalmente Urme impúxose por un escaso marxe, quedando en quinta posición, xusto por diante de Bueu Simei, e os de Mecos, remataron por detrás dos da Maruxía en sétima posición.