CASTROPOL PROCLÁMASE CAMPIOA DA LIGA B NA SÚA CASA...

CASTROPOL PROCLÁMASE CAMPIOA DA LIGA B NA SÚA CASA A traiñeira feminina de Chapela-Wofco foi a outra triunfadora da Bandeira Princesa de Asturias. Samertolameu-Oversea vence como local na Liga A.

14/08/2022
A Liga Galega de Traiñeiras-Trofeo Xunta de Galicia celebrou este domingo tres regatas e dous triunfos quedaron na casa dos organizadores. Samertolameu-Oversea anotouse en Meira a undécima xornada da Liga A, mentres que en Castropol o conxunto anfitrión certificou matematicamente cunha vitoria o título da Liga B e Chapela-Wofco impúxose na primeira edición da Bandeira Feminina Princesa de Asturias. 

Esta intensa xornada de traiñeiras comezou ao mediodía en Meira coa VIII Bandeira Illa do Samertolameu, Concello de Moaña. A primeira das tres quendas tivo como protagonistas aos catro últimos clasificados da Liga A: Puebla, Mugardos, Cesantes-Rodavigo e Narón. Comezou liderando Puebla, por diante de Cesantes-Rodavigo, Mugardos e Narón, pero na segunda virada, tras un gran segundo longo os de Redondela puxéronse por diante cunha vantaxe considerable de 8 segundos con respecto aos do Barbanza. Pechaban Mugardos e Narón igualadas. A situación non cambiou na terceira referencia e finalmente os de Cesantes fixéronse coa vitoria da quenda, segunda sen apuros chegou Puebla e por detrás Narón gañou a batalla a Mugardos.

A segunda manga, como é habitual, volveu estar moi igualada. Na primeira virada lideraba Rianxo, a 1“ de Mecos e da filial de Cabo da Cruz e a 2” de Mera. Na segunda ceavoga Rianxo e Mecos chegaban á par e 2” por detrás Mera e Cabo facían o mesmo. Na terceira a que colleu a dianteira foi Mecos, con Cabo segunda, Rianxo caendo á terceira posición e Mera cuarta. Unha situación que non variou no último longo a pesar de que as catro traiñeiras entraron en tempos moi similares. O resultado o inverso que no día anterior: Mecos, Cabo, Rianxo e Mera.

Pecharon a xornada os catro primeiros clasificados da xeral: Chapela-Wofco, Samertolameu-Oversea, Tirán-Pereira e Bueu-Teccarsa. A primeira en liderar foi A Maruxía, seguida das dúas traiñeiras de Moaña e pechaba Chapela-Wofco. Na segunda referencia A Terca poñíase á par de Bueu-Teccarsa, mentres que Tirán-Pereira mantíñase terceira e Chapela-Wofco, a Arealonga, máis retrasada, en tempos similares aos rivais da segunda quenda. A remontada consumouse no terceiro longo, onde Samertolameu Oversea púxose á fronte por diante da Maruxía, da Mar do Con e da Arealonga. Unha posición que non soltarían os locais para facerse coa vitoria da súa bandeira, ante o seu público e para apertar máis a liga. Segunda foi a líder  Bueu-Teccarsa, terceira Tirán-Pereira e cuarta Chapela-Wofco, superando por 2” o tempo de Mecos.

Liga Feminina
A emoción da Liga Galega de Traiñeiras viviuse pola tarde en Castropol. A única cita da temporada que se disputa fóra dos límites xeográficos de Galicia púxose en marcha coa primeira edición da Bandeira Feminina Princesa de Asturias, oitava xornada da competición feminina.

Seis embarcacións entraron en liza, divididas en dúas series, na quenda lanzada coa que se abriu a regata. Mugardos-A Cabana Ferrol tomou a dianteira  dende o primeiro longo superando a Riveira e Rianxo. Entre as traiñeiras que saíron dous minutos despois marcou a pauta de principio a fin a Castropol con Salgado-Perillo alcanzando a primeira virada 5” antes que Puebla. Os parciais do conxunto de Ferrolterra foron os únicos que se lle resistiron ás locais, que asinaron a súa mellor regata da temporada.

Mugardos-A Cabana Ferrol anotouse a súa serie con claridade, o mesmo que fixo Castropol. No resto de duelos, Riveira sempre se mantivo lixeiramente por diante de Rianxo, á que acabou batendo por 11” e Puebla, que pugnou con Salgado-Perillo por evitar á última praza, remontou no segundo longo. As de Oleiros cometeron un erro na última virada que as deixou sen ningunha opción de alcanzar ás da Pobra do Caramiñal.

As tres primeiras clasificadas da Liga Feminina compareceron na quenda de honra e Chapela-Wofco cortou a xeira de tres vitorias consecutivas coa que se presentaba a líder Cabo da Cruz. Nesta ocasión, as redondelás conseguiron 2” de vantaxe no longo inicial, unha renda que ampliaron a 6” no segundo parcial e que souberon administrar para vencer por 7”. Deste xeito, Chapela-Wofco sitúase a dous puntos de Cabo cando restan tres xornadas para a conclusión da Liga.

Xunto ás dúas embarcacións que pelexan polo título remou Tirán-Pereira, que se centrou en conseguir a terceira posición da regata, un obxectivo que acadou malia no primeiro longo ceder 3” respecto a Mugardos-A Cabana Ferrol. As moañesas déronlle a volta a situación no segundo parcial e asinaron mellor tempo que as de Ferrolterra na meta, un resultado que racha o empate que mantiñan no terceiro posto da xeral.
 
Liga B
A 34ª Bandeira Princesa de Asturias, sexta e penúltima xornada da Liga B, converteuse na festa soñada por Castropol. Os remeiros da Ría del Eo mantiveron a súa condición de invictos esta temporada e na súa regata certificaron matematicamente o título e o ascenso.

Antes de que os asturianos entraran en acción, Vila de Cangas manexou con solvencia a primeira quenda. A Balea distanciouse na primeira referencia en 8” de Salgado-Perillo e en 11” de Muros, unhas diferenzas que non fixeron máis que ampliarse ata a conclusión da quenda.

O tempo marcado por Vila de Cangas na primeira virada só o puido mellorar Castropol na quenda de honra. Unha xornada máis os anfitrións non deron ningún tipo de opción e no ecuador do percorrido acadaban un colchón de 21” sobre a segunda clasificada, Samertolameu-Oversea B. Aínda que aos asturianos lles bastaba con rematar a regata para garantir o título, quixérono facer ao grande. A Ría del Eo venceu na súa casa, por 42” de diferenza, e recolleu das mans da Directora General de Deportes do Principado de Asturias, Aída Nuño, a camisola de líder e a bandeira organizada polo seu club. Un dobre éxito que se celebrou por todo o alto na vila asturiana.

Na pugna pola segunda posición, Samertolameu-Oversea B non se deixou superar en ningún momento por Amegrove nin por Cedeira. Estas tres embarcacións melloraron no segundo longo o parcial de Vila de Cangas e a emoción centrouse no duelo entre A Pabliño e A Candieira polo terceiro posto na quenda e na regata: comezaron igualadas o último longo, no que a balanza decantouse a prol dos de Ferrolterra por 7”.