Rianxo gaña en Bueu con dedicatoria especial

O C.R. de Rianxo faise ca XXIV Bandeira Concello de Bueu. O temporal obrigou a suspender a regata nos primeiros compases da segunda quenda. A xornada non foi puntuable.

 

4G8A9842.jpg

A Liga Galega de Traíñas desprazouse a Bueu para disputar a cuarta xornada desta tempada 2019. A disputa da XXIV Bandeira Concello de Bueu perigaba antes do comezo por mor to temporal. Finalmente e tras aprazala quince minutos a regata puido continuar.

Saían na primeira quenda os equipos que pechan a táboa xeral: o C.R. de Rianxo, Amegrove C.R. e o C.R. Muros. Para os rianxeiros non era unha regata calquera. A tripulación da Virxe da Guadalupe saía con brazaletes laranxas en mostra de apoio a unha compañeira do equipo xuvenil que esta semana diagnosticábanlle unha enfermidade. Como dixo Julián Villanustre, remeiro de Rianxo, “Hoxe remábamos todos”. E así foi, dende o principio Rianxo levou a dianteira. As tres embarcacións chegaban igualadas á primeira virada, con Rianxo un segundo por diante de Muros, e 6 de Amegrove pero a partir de aí a Virxe da Guadalupe non deu opcións aos rivais. Os segundos ampliábanse en cada referencia e finalmente Rianxo gañaba con 20:01:61. Segundo era Muros con 20:19:58 e terceiro Amegrove con 20:42:47.

A tormenta volvía aparecer para o inicio da segunda quenda. A medida que as embarcacións se achegaban a primeira virada o tempo empeoraba. A penas remataran de virar cando as árbitras decidiron parar a regata. A suspensión supoñía a vitoria de Rianxo por ser a mellor clasificada dos que competiron. Unha vitoria moi importante para os rianxeros que dende o primeiro momento lla dedicaron a súa compañeira. Unha victoria, que desexamos non sexa a única que consiga a familia do C.R. de Rianxo.

Ao non poder competir todas as quendas a regata non foi puntuable, de xeito, que a clasificación mantense como estaba.

 

Asociación Liga Noroeste