Ares rompe cas igualadas

O C.R. Ares gaña a XIV Bandeira Concello da Pobra por 4 segundos. A segunda posición foi para o C.R. Mecos – Isabel por 18 centésimas fronte a S.D. Samertolameu. Na zona baixa Rianxo escápase e Muros supera a Amegrove.

A pesar da súa ausencia o C.R. Puebla foi o encargado de organizar a terceira xornada da liga galega de traíñas 2019. A XIV Bandeira Concello da Pobra con moita incerteza pola súa peculiaridade de ser a 6 longos, non será a única neste 2019. Rianxo partía como favorita e dende o primeiro momento asumiu esa etiqueta. 7 segundo por detrás Muros e Amegrove chegaban a par. Nas primeiras referencias nada cambiaba, Rianxo lideraba e Muros chegaba uns segundos por diante. Pero a partir da terceira virada as loitas cambiaron. Muros comezou a deixar atrás a Amegrove e achegarse a Rianxo. Estivo preto, pero finalmente a vitoria da quenda foi para a Rianxo. A Muradana chegou 6 segundo por detrás pero 19 por diante do que, nun principio, é o seu máximo rival.

Na segunda quenda tomaban partida o C.R. Cuca -  Vilaxoán, o C.M. de Bueu – Teccarsa, o C.R. Cabo da Cruz e o C.D.M. Mera. De novo, como na xornada pasada, a quenda foi dominada de principio a fin polos vilaxoaneses. Na segunda posición chegou Bueu que estivo a poucos segundos da Virxe do Carmen nos primeiros compases pero que finalmente rematou a 17 segundos. Máis lonxe da Maruxía chegou Cabo, 27 segundos por detrás. Pechou a quenda Mera, a 20 segundos de Cabo, rival co que estaba empatados a puntos.

A última partida foi de novo un fermoso espectáculo para os afeccionados a este deporte. Nas dúas primeiras viradas Ares lideraba por diante de Meira e Mecos a un segundo e pechaba Tirán a 3, en tempos igualados aos de Vilaxoán. Na terceira referencia o líder comezou a romper ca igualada. Sacándolle 3 segundos Mecos nas seguintes viradas, 4 a Meira e 7 a Tirán, os da Mar do Con poñíanse xa diante de Vilaxoán. Na última boia Ares aumentaba ata os 6 segundos, un marxe que lle permitiu facerse ca XI Bandeira Concello da Pobra. Un premio que sitúa a Carme Veiga como unha das primeiras patroas en gañar unha bandeira da liga A. A loita pola segunda posición estivo pelexada ata o último segundo, ou máis ben ata a última centésima, xa que a Mequiña superou á Terca por 28 centésimas. Pechou a quenda Tirán en cuarta posición da xeral.

Asociación Liga Noroeste